Monday 29 de April de 2024

A Deputación iniciará en marzo a obra da rotonda que facilitará o acceso á Cabana e ás praias de Ferrol desde a estrada DP 3612


A nova infraestrutura, con catro accesos, evitará os xiros á esquerda que agora obrigan á invasión do carril contrario e, por tanto, mellorará a seguridade viaria en toda a zona

As obras da construción da nova rotonda na estrada DP 3612 de Aneiros-A Cabana comezarán nas próximas semanas e estarán rematadas antes do verán. Así o confirmou esta mañá o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, nun encontro coa directiva da Asociación de Veciños de Serantes ao que tamén acudiu o alcalde, José Manuel Rey.

Durante o acto, Calvo avanzou que esta obra, cun orzamento de 113.326,20 euros, está xa adxudicada e que ten por obxecto a mellora da seguridade viaria na intersección en forma de T sita no punto quilométrico 1,150, á altura da farmacia. “O tráfico intenso que circula por esta estrada ten sempre preferencia, e é habitual, sobre todo nos meses de verán, situacións de caos circulatorio debido á intensa afluencia tanto ás praias de Ferrol como aos barrios da Graña, A Cabana ou San Felipe”, matizou o titular provincial, que confirmou como “a mellor solución” a construción dunha rotonda con catro accesos.

Respecto ás características técnicas, o titular provincial especificou que a nova infraestrutura terá 31 metros de diámetro exterior e 10 de diámetro interior, o que permite o xiro a calquera vehículo.

Firma da cesión de terreos
Pero ademais desta cuestión, o presidente da Deputación e o alcalde de Ferrol asinaron a acta de cesión dos terreos necesarios para a construción dun tramo de beirarrúas nesta mesma estrada, neste caso á altura do campus universitario.

“Estamos a falar dun tramo onde se atopan, entre outros servizos, a Escola Universitaria Politécnica Naval, a Náutico Pesqueira e o centro de saúde, o que xera un importante tráfico na zona e fai necesario unha actuación pola nosa parte”, matizou Calvo para explicar unha actuación que ten por obxecto a ampliación da plataforma co obxecto de obter unha calzada de 7 metros e beiravías de 0,5 metros a cada lado. Ademais das beirarrúas, o proxecto tamén inclúe a creación de novos estacionamentos en liña e, ao final do traxecto, unha rotonda de 27 metros de diámetro na intersección existente fronte ás vivendas sindicais.

Esta obra, cun orzamento de execución de 264.816,84 euros, será aprobado polo pleno da Deputación no mes de marzo, co obxectivo de poder concluír as obras durante o presente ano.

Resolver problemas

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, destacou o traballo coordinado entre as administracións municipal e provincial para resolver estas demandas veciñais. Neste sentido, quixo agradecer “a rapidez coa que a Deputación entendeu estas necesidades do barrio de Seantes, unha das parroquias máis importantes da zona rural de Ferrol”. “O que está anunciandose hoxe é un compromiso de 375.000 euros en dúas intervencións moi necesarias e que son demandas históricas de Serantes”, engadiu o rexedor municipal. E no que atinxe a obra da nova rotonda, Rey Varela dixo que “esta actuación suporá xa para este verán un alivio importante aos problemas de tráfico que dende hai anos se viven na estrada de Doniños”.

Finalmente, e xa con vistas ao futuro e con data tope no ano próximo, Diego Calvo avanzou a intención da Deputación de poder poñer en marcha unha nova actuación nesta estrada, coa construción dun novo tramo de beirarrúas hasta enlazar coas xa existentes na Malata.

Pola súa parte, o presidente da Asociaciación de Veciños de San Salvador de Serantes, Luis Casas, manifestou su satisfacción polo cumprimento destes proxectos, xa que “levábamos décadas esperando estes accesos; e por fin a s nosas reclamacións se están facendo realidade coa firma de hoxe. O que desexamos agora é que as obras poidan comezar canto antes”.